top of page

O SonRías Baixas presenta o seu regreso ao gran formato con 22 artistas e dous escenarios

26 jul 2022
3 min de lectura

Ilusión. Esa foi a palabra máis repetida esta mañá durante a presentación do SonRías Baixas deste verán, que se celebrará os vindeiros 4, 5 e 6 de agosto na vila. A ilusión vén provocada pola recuperación do seu formato habitual, despois de dous anos nos que o evento tivo que ver limitado o seu aforo.


A música do SonRías volverá encher Bueu durante tres días cun cartel protagonizado por 22 artistas que actuarán en dous escenarios no recinto da Estacada, unha das principais novidades desta edición. Así, esta mañá tamén se revelou que haberá unha sesión vermú o sábado a cargo de Grande Amore e La Duendeneta.

De esquerda a dereita: a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; o edil de Cultura, Xosé Leal; os directores do SonRías, Berta Domínguez e Jordi Lauren e o director de Agadic, Jacobo Sutil.

No acto, celebrado na Praia de Beluso, participaron o equipo que dirixe o festival, composto por Berta Domínguez e Jordi Lauren, da promotora local PlayPlan así como a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias; o edil de Cultura de Bueu, Xosé Leal e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. Estas tres institucións, que supoñen un dos principais apoios do festival, coincidiron en celebrar o regreso desta cita musical, que converte a Bueu nun referente musical. Na edición de 2020 o aforo limitouse a 800 persoas, mentres que na de 2021 a 2.000.


Na presentación, Jordi Lauren destacou algúns dos aspectos máis valorados polo público do festival como a súa localización, os servizos prestados, o emprego da tecnoloxía coas pulseiras cashless, a seguridade que ofrece e a xestión dos residuos. "O SonRías é un evento que pon en valor o territorio como destino turístico, cultural e musical", explicou. Lauren fixo fincapé na aposta pola economía "quilómetro cero", con provedores de proximidade así como a sustentabilidade, a igualdade e o fomento de artistas galegos.


Dous escenarios e sesión vermú

A parte musical foi presentada por Berta Domínguez, xusto despois de revelar que o SonRías contará con dous escenarios. Por eles pasarán máis de vinte artistas en tres xornadas que comezarán o xoves 5 cun ambiente urbano e dirixido ao público máis mozo con Rels B, Delaporte, Sofía Gabnna, JazzWoman, Maurino e Cool Nenas. Precisamente, Domínguez lembrou que o SonRías Baixas é un dos festivais galegos "que cada ano suma máis público novo, con asistentes que gozan do seu primeiro festival".



O venres continuará con Kase.O, que este ano se despide dos escenarios, Rayden, Ciudad Jara, Buhos, Bala, Emlan e García MC & Nación Quilombo. O sábado será a quenda de Tanxugueiras, coa primeira cita para escoitar en directo o seu disco Diluvio, La M.O.D.A., Arnau Griso, Eskorzo, Sara Hebe, Balkan Paradise Orchestra e Suu. A sesión vermú do sábado, outra das grandes novidades, estará amenizada por Grande Amore e La Duendenta, tal e como se revelou hoxe.


Desde a Deputación, Ana Laura Iglesias, recoñeceu o traballo do equipo do SonRías así como o seu compromiso coa igualdade. A deputada provincial de Turismo adiantou que a Deputación contará co stand "Eu decido, ti respectas" para previr as violencias machistas. Pola súa parte, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou a aposta polo traballo en común con empresas locais e a programación do evento, que cualificou de "espectacular".


En representación do Concello de Bueu, o edil de Cultura, Xosé Leal, apuntou á diversidade ofertada para todos os públicos e á traxectoria do evento. "Non é algo que xurdiu neste momento. Agora recolle o sementado ao longo de moitos anos", afirmou Leal.


Os últimos abonos ou entradas de día aínda se poden adquirir na páxina web oficial do festival. O abono (desde 50 euros máis gastos) inclúe o acceso á zona de acampada, situada a 150 metros da praia.

Comentarios


bottom of page