Unha pequena volta á infancia
Os edís Silvia Carballo e Martín Villanueva participaron na radio do CEIP A Pedra
Cando un volta ao seu antigo colexio sempre é motivo de ledicia. Así o viviron tamén Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e Martín Villanueva, concelleiro de Urbanismo. Ambos os dous volveron esta mañá ao CEIP Plurilingüe A Pedra para participar nas entrevistas realizadas polo alumnado de 3º de primaria no estudio de radio "A voz da Pedra".

Despois da visita a semana pasada ao Concello, os nenos e nenas continúan co seu traballo de investigación sobre a vila de Bueu, coincidindo co cincuenta aniversario da fundación do colexio. Esta mañá, Carballo e Villanueva lembraron anécdotas dos seus anos como estudantes no colexio así como recordos e experiencias, ademais doutras cuestións do día a día. Tralas entrevistas, o alumnado agasallou aos concelleiros cunha cunca coa imaxe de Papirus, a mascota da biblioteca do centro.

Tal e como sinalan desde o Concello, é probable que a vindeira semana asista o alcalde para participar nesta rolda de entrevistas que se gravaron no estudio de radio "A voz da Pedra", situada na biblioteca do colexio.





Comentarios